Monday 06 de May de 2024

Adxudicación provisional das obras para a reordenación e mellora do Parque de Pedra Pateira en Santa Uxía de Riveira


Había 28 empresas presentadas

O Concello de Riveira informa de que a xunta de goberno local procedeu á adxudicación provisional da reordenación e mellora do parque de Pedra Pateira en Santa Uxía de Riveira.

Esta actuación recaeu segundo a clasificación en Jardincelas, S.L., por un importe de 25.230,5 euros, IVE incluído. Había 28 ofertas presentadas. Está financiada ao cento por cento cunha axuda da Deputación da Coruña.

De acordo co proxecto técnico elaborado polos servizos municipais, o que se pretende con esta actuación é mellorar as condicións de acceso ao parque infantil, así como reorganizar a distribución dos xogos e mellorar o seu pavimento para reforzar a seguridade.

De igual xeito, preténdese plantar árbores ornamentais sobre os parterres próximos á zona de xogo coa finalidade de dotar o espazo de máis zonas de sombra.

Na actualidade, o parque dispón de pavimento de area ademais de lousetas de caucho na zona perimetral dos xogos: lousetas que se atopan en mal estado de conservación. Así e logo, preténdese eliminar este pavimento e unificar o tratamento do recinto infantil a través dun novo pavimento continuo de caucho de cores sobre unha superficie de 281 metros cadrados. Este pavimento –di o proxecto- caracterízase por ser duradeiro, limpo, hixiénico e seguro: unha solución que facilita aos máis cativos a súa aprendizaxe á hora de camiñar.

Así mesmo, a carón do parque tamén se vai pavimentar unha zona de entrada con chapa-cuña de pedra, a mesma solución que a executada nas sendas que descorren polo resto do parque. A superficie deste pavimento de pedra é de 37 metros cadrados.